CANTAREIRAS. O poder da poesía do pobo é o concerto que Jara Ortíz trae á Sede Afundación Santiago de Compostela o 6 de xuño. Será un espazo sonoro para escolares dedicado á nosa música tradicional, concretamente, a transmitida de xeración en xeración a través dos cantos e pandeiretas das mulleres, a nosa poesía popular. O alumnado de Primaria e Secundaria poderá afondar no coñecemento destas cantadoras, ás que se lle dedica este 2025 o Día das Letras Galegas. Saberán onde e para que cantaban as mulleres, aprenderán a técnica e as partes da pandeireta, coñecerán a procedencia dos diferentes ritmos tradicionais e cantos, e afondarán nas letras das cantigas, un tesouro poético do noso pobo.
Animamos a traer pandeiretas da casa para rematar o encontro cunha foliada dirixida, onde se tocará e cantará, facendo parte da transmisión oral, que segue viva.
• 10.00 h | alumnado de Primaria
• 12.00 h | alumnado de Secundaria
Entrada de balde!
Previa reserva a través do correo-e areaeducativacompostela@afundacion.org ou no teléfono 981 552 577.
OBRADOIRO
O obradoiro consiste nun concerto didáctico e participativo sobre o papel fundamental das cantareiras como transmisoras da historia da nosa música tradicional galega que deixaron un legado incalculable de melodías, ritmos e cantos. Aprenderemos a procedencia de diferentes ritmos e cantos, historias curiosas sobre a pandeireta, e saberemos como se toca unha muiñeira, ou onde e para qué cantaban e cantan as cantareiras, facendo fincapé nas letras e na riqueza lingüística destas poetas do pobo coa idea de aprender a cantar unhas cantigas para que participe todo o mundo e facer unha gran foliada cantareira final.
Vai dirixido a centros educativos, para nenas e nenos de primaria de entre 6 e 12 anos, e para o alumnado de 1°, 2°, 3° e 4° da ESO
DURACIÓN 45 min
JARA ORTÍZ
Dende as fonduras da música de raíz, Jara Ortiz conflúe como cantareira, cantora, percusionista, arranxista e compositora en distintos estilos musicais. Dedícase á música profesionalmente e á docencia como mestra de pandeireta e canto tradicional dende 2007. Alén da música folk, experimenta e ten experiencia como vocalista noutros estilos musicais como o rock, reggae, funky, ska, bossa nova e música portuguesa debido á formación dos diferentes proxectos profesionais. Tamén traballa como actriz en espectáculos infantís, contacontos, clown, locutora e actriz de dobraxe infantil, realizando un traballo completo de voz e corpo.
- PROXECTOS
Habelas Hainas: foi fundadora, voz principal e percusionista do grupo folk durante 12 anos. Dende unha ollada feminista e social, experimentando coa tradición e creando un son propio, fresco, enerxético e orixinal nunha intensa traxectoria como músicas ao vivo, participando en festivais nacionais e internacionais como: Pardiñas, Festival da Poesía do Condado, Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña)…
A banda do verán: proxecto musical teatral infantil de Xoán Curiel, no que forma parte dende os inicios en 2013 como vocalista e actriz cos espectáculos e libros-disco editorial Galaxia: “Estamos no verán!!!” e “A casa do terror”. Premio na categoría “Música Infantil” dos Premios da Música Galega Martín Códax 2019.
Lúa Triangular: proxecto propio de contacontos musical con perspectiva de xénero baseado na novela infantil “Marta e a píntega” de Eli Ríos.
- COLABORACIÓNS DISCOGRÁFICAS
“Arrolos de salitre” Xabier Díaz e Guille Fernández
“Rosalía pequeniña” Uxía Senlle
“Pitusa semifusa” Olga Brañas
“Alegría” Sergio Tannus
“Nai” Xoán Curiel
“Mares de Tempo” Susana Seivane
Aproveita para visitares a axenda web e decatáreste de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte doutras actividades escénicas.