Special Olympics Galicia e Afundación poñen en marcha unha edición máis do Festival de Artes Escénicas Special Olympics. Nesta ocasión, Aceesca representará unha adaptación de O Mago de Oz o vindeiro mércores, 18 de xuño, ás 18.30 h, no Teatro Afundación de Vigo. As entradas, gratuítas, están dispoñibles na web Ataquilla.com.
O Festival das Artes Escénicas de Special Olympics nace como un espazo para celebrar a inclusión, a arte e o talento das persoas con discapacidade intelectual. Esta iniciativa enmárcase así mesmo na liña estratéxica de impulso social a través tamén da cultura da Obra Social de ABANCA que considera a arte, nas súas diversas manifestacións, como un potente elemento de inclusión social xa que favorece a integración e contribúe a romper estereotipos.
O vindeiro 18 de xuño presentarase no Teatro Afundación de Vigo unha versión de O mago de Oz que pon en valor a superación, a amizade e a creatividade das persoas con discapacidade intelectual, que se converterán en protagonistas dunha historia chea de emoción e maxia. A posta en escena é froito do traballo realizado nos talleres de teatro de Aceesca, nos que se fomentan a expresión artística, a autoestima e o desenvolvemento persoal. Ao finalizar a obra proxectarase tamén a curtametraxe Na Jalliera, que nace tamén o taller de Accesca, e actuará así mesmo o grupo Aceesca Folk de música tradicional.
Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Profesionais e Familias a favor da promoción do tempo libre e o deporte para persoas con discapacidade intelectual. A súa misión é promover a inclusión social de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva e o lecer. Con este fin, proporciona todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e de dinamización do voluntariado, contribuíndo a mellorar as condicións físicas e psíquicas das persoas con discapacidade intelectual.
Desde Afundación apóianse iniciativas como esta por a súa intensa carga social, artística, emocional e en defensa da igualdade das persoas. Con idénticos fins nacen os programas da Obra Social de ABANCA «Todas e todos contamos», unha actividade impartida por persoas con discapacidade, ou «Música a flor de pel», que leva actuacións en directo a centros de educación especial. Ademais, promóvense e adaptan os programas didácticos das exposicións ás capacidades de cada persoa facendo, así, accesibles os contidos e actividades.