O Espazo +60 Afundación de Ferrol, xunto con Cáritas, Cruz Vermella e FAMYC Ferrolterra, conmemoran o Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Malos tratos na Vellez co obxectivo de promover o respecto aos dereitos de todas as persoas, eliminar calquera discriminación por razón de idade e fomentar un envellecemento digno, libre de toda forma de malos tratos ou abuso.
Ás 11.00 h, na Praza de Armas, celebrarán un evento conxunto no que convidarán a xente para reflexionar ao redor das preguntas «Como che gustaría vivir cando sexas maior?», «Trato ben a unha persoa maior cando…», «Como te sentes cando ves que tratan mal ás persoas maiores?», «Que fas cando tratan mal a unha persoa maior?» e coas achegas de todos e de todas, escribirán o Libro do bo trato ás persoa maiores que terán despregado. Ademais, haberá unha sesión de taichí aberta a quen queira participar e finalizarán o acto coa lectura dun manifesto.
O Día Mundial da Toma de Conciencia do Abuso e Malos tratos na Vellez foi establecido o 15 de xuño por Nacións Unidas para concienciar e expresar o rexeitamento cara aos malos tratos, abusos e sufrimentos aos que son sometidos moitas persoas maiores en distintas partes do mundo. Segundo a Organización Mundial da Saúde, os malos tratos a unha persoa maior consiste en actos que lle causan dano ou sufrimento cando se ten unha relación de confianza coa devandita persoa e que constitúen unha violación dos seus dereitos humanos e un menoscabo grave da súa dignidade e respecto. Pode manifestarse en forma de malos tratos físicos, psicolóxico, emocional ou sexual, por razóns económicas ou materiais, por abandono ou desatención.
AFUNDACIÓN COMO PROMOTORA DO DIÁLOGO INTERXERACIONAL
Afundación, como entidade de referencia en Galicia na promoción do envellecemento activo, desenvolve programas innovadores nos seus 11 espazos +60 nos que participan máis de 13000 persoas socias.
Os proxectos que se impulsan desde a Obra Social de ABANCA neste ámbito sitúan no centro ás persoas maiores, codiseñando con elas propostas dirixidas a mellorar a súa calidade de vida e benestar, poñer en valor a súa experiencia vital e apoiar a súa participación social a través do voluntariado.
Así mesmo, dentro da súa estratexia para combater o idadismo, Afundación promove espazos de encontro interxeracional co obxectivo de que maiores e mozos aprendan uns doutros, dialoguen e se respecten mutuamente. Un exemplo de notable impacto son os programas «Fálame da emigración» e «Falamos da escola» que propiciaron nos últimos dez anos un enriquecedor intercambio entre mozos e maiores, coa celebración ata o de agora de 334 encontros nos que participaron case 6000 estudantes de secundaria e 157 persoas maiores voluntarias.