O Colegio Hogar Afundación celebrará mañá, xoves 19 de xuño, ás 19.30 h, a cerimonia de graduación das alumnas e alumnos dos ciclos formativos superiores e de grao medio que se imparten neste centro educativo e que rematan os seus estudos no curso 2024-2025. No acto participarán, ademais dos 164 alumnos e alumnas que obteñen o seu título e os profesores do centro, o director xerente de Afundación, Pedro Otero; a coordinadora adxunta da área de Educación Superior de Afundación, Carlota Sánchez-Montaña; director do CPR Colegio Hogar Afundación, José Rodríguez Míguez; e Luis Santos Cabanelas; Project Manager da sección de Energía de Solutions30 España en representación das empresas que colaboran co centro.
O CPR Colegio Hogar Afundación, emprazado na rúa Filipinas, 6, en Vigo, é un centro de referencia na formación de profesionais e na súa inserción laboral, cunha porcentaxe de empregabilidade superior ao 85 %. Oferta ciclos formativos de grao medio —preimpresión dixital, impresión en artes gráficas, soldadura e caldeirería, mecanizado, instalacións eléctricas e automáticas, e instalacións de telecomunicación— e de grao superior —programación da produción en fabricación mecánica, automatización e robótica industrial e mantemento electrónico—. O Colegio Hogar tamén ofrece cursos formativos, a demanda, para traballadores de empresas en activo coa finalidade de manter actualizados os seus coñecementos profesionais específicos. Actualmente o centro é un modelo na formación profesional e na inserción laboral dos máis novos, referente para as empresas ás que proporciona cualificados profesionais. Neste curso 2024-2015 os seus alumnos e alumnas realizaron prácticas en máis de 140 empresas.