compartir

Voluntarias do Espazo +60 Afundación de Pontevedra entregan á Asociación Anedia a recadación da súa tenda solidaria

Voluntarias do taller solidario do Espazo +60 Afundación de Pontevedra entregaron esta mañá á Asociación Anedia, Asociación de Nenas, Nenos e Mozos con Diabetes de Galicia, un cheque por importe de 600 euros correspondente á recadación da súa tenda solidaria. Na entrega estiveron presentes, ademais dalgunhas das voluntarias, a coordinadora do Espazo +60 Afundación de Pontevedra, Berna Lindín,  Rosana Rodríguez en representación da Xunta Directiva de Anedia e Andrea García, socia de Anedia.

Os produtos da tenda solidaria son bolsos e carteiras únicas confeccionadas polas persoas voluntarias participantes neste obradoiro, que se desenvolve ao longo do ano no Espazo +60 de Pontevedra, no Café Moderno Afundación. Está dirixido pola socia voluntaria María Ángeles Pérez García, quen foi profesora de español, tradutora, intérprete de congresos ou directora dunha empresa comercial internacional. Como artista e deseñadora de moda especializada en pezas de la podemos destacar dous fitos na súa carreira: en 1986 presentou as súas obras en Spoleto, durante o Festival do Due Mondi, e obtivo unha gran repercusión mediática, e en 1988 concedéronlle a medalla de ouro en Turín pola súa obra La tía Pilar endomingada y con pendientes.

Ademais, as accións solidarias do Espazo +60 Afundación de Pontevedra complétanse coa realizada o pasado venres, a entrega dun cheque por valor de 1.610 € al Comedor Social de San Francisco. Foron recadados grazas á venda de produtos elaborados polas voluntarias participantes no outro obradoiro solidario do Espazo +60, o obradoiro de amigurumi, creado no ano 2024 a iniciativa da socia Alcira García Vidal.

O obradoiro solidario, promovido polo Espazo +60 de Afundación de Pontevedra, desenvólvese no marco do programa «O valor da experiencia» da Área de Maiores da Obra social de ABANCA, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades interxeracionais e de voluntariado. A actividade ten tamén como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes.

Outras noticias