compartir

O programa «Cultura por alimentos» distribuíu en Galicia máis de 26 toneladas de alimentos non perecedoiros desde o seu inicio

Asistir a un concerto de música clásica, a unha sesión de proxeccións de cinema de animación, a unha obra de teatro, ou a unha exposición das que organiza a Obra Social de ABANCA, é tamén unha boa ocasión para colaborar coas familias en risco de exclusión da zona na que se celebra o evento. De feito, nos últimos 4 anos, Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) distribuíron máis de 26 toneladas de comida grazas ás achegas realizadas por persoas que participan en actividades culturais organizadas pola Obra Social de ABANCA. O valor estimado dos alimentos supera os 120.000 euros. Trátase de case 30.000 euros por ano en alimentos non perecedoiros.

O proxecto recibe doazóns por dúas vías diferentes. Nalgúns casos, Afundación dedica ao banco de alimentos local a recadación íntegra dos eventos culturais que organiza. Ou o que é o mesmo: cada euro obtido pola venda de entradas, destínase directamente á adquisición de comida para a súa repartición. É o caso do Festival Internacional de Animación «Imaxinaria» ou do ciclo «Do silencio á emoción». 

Ademais, nas sedes de Afundación hai contedores permanentemente para a recepción de alimentos non perecedoiros. Os asistentes aos eventos culturais que Afundación programa en toda Galicia, poden depositar neles as súas doazóns. Tan só o pasado ano, as actividades escénicas e musicais desenvolvidas nas diferentes sedes de Afundación atraeron máis de 120.000 espectadores.

Dos alimentos infantís a legumes, aceite ou leite

Case unha cuarta parte das doazóns realizadas son alimentos específicos para a infancia. Ademais, e a través de FESBAL, Afundación distribúe produtos como aceite, leite, conservas, legumes, arroz ou pasta.

As doazóns realízanse sempre na contorna da cidade na que son recollidas. Os bancos de alimentos locais encárganse da súa distribución, e a súa alianza con Afundación permitiu transcender os ámbitos de referencia das principais cidades galegas para chegar a todo o territorio: o programa «Corrente cultural», mediante o cal Afundación, ABANCA e as corporacións locais organizan exposicións máis aló dos habituais circuítos artísticos, tamén está vinculado a este proxecto.

Axilidade en situacións excepcionais

O desastre da DANA que arrasou parte a Comunidade de Valencia a finais de outubro do pasado ano supuxo un reto para o programa «Cultura por Alimentos». Afundación, en colaboración con FESBAL, deseñou coa urxencia que esixía a situación un proxecto  para apoiar ás vítimas do desastre. A entidade fixo un chamamento público e en tan só 7 días conseguiu reunir  máis de 56.000 quilos de comida nas súas 7 sedes das cidades de Galicia. A cooperación de longo prazo con FESBAL facilitou a participación, en moi pouco tempo, de 137 persoas do programa de voluntariado corporativo y externo de ABANCA e Afundación que se encargaron da clasificación e a embalaxe das doazóns. 

Un proxecto vivo

O equipo de Cultura de Afundación traballa para continuar incrementando as doazóns. En actividades que forman parte da programación da segunda metade do ano, como o ciclo «Butaca de jazz», por exemplo, a recadación íntegra vai destinada a FESBAL. Noutras, como as tempadas de abono de teatro ou música ou as exposicións, o público pode seguir doando alimentos.

Tan só en 2024, as actividades culturais das sedes de Afundación rexistraron preto de 650.000 asistentes. As súas achegas, tanto as que realizan ao depositar produtos non perecedoiros como as que corresponden a venda de entradas que a Obra Social de ABANCA doa integramente a FESBAL, son fundamentais para poder seguir apoiando ás familias galegas en risco de exclusión.

Outras noticias