Naturnova súmase á Noite Branca de Vigo cunha proposta moi relacionada co planeta e o medio ambiente para unha xornada especial na cidade. O Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, que mediante recursos coma xogos, viaxes en 3D nun submarino, imaxes virtuais, hologramas ou olores, permítelle ao público desfrutar explorando o planeta e o medio ambiente, permanecerá aberto entre as 18 e as 23 horas deste 2 de agosto. O acceso á sede de Naturnova -Rúa Velázquez Moreno 18- será de balde ata completar capacidade.
O equipo do Centro Interactivo de Educación Ambiental da Obra Social de ABANCA en Vigo traballa dende 2003, ano de inauguración de Naturnova, para estimular o coñecemento do mundo que nos rodea. A educación para a sostibilidade é un dos proxectos estratéxicos de Afundación, galardoado co primeiro premio nacional de Medioambiente de CECA. Tan só en 2024, máis de 217000 persoas se involucraron coa Obra Social de ABANCA nos programas educativos ou na protección directa das nosas contornas.
Viaxe virtual nun simulador de submarino
Durante a Noite Branca, as persoas que se acheguen a Naturnova poderán descubrir como se forman os fenómenos atmosféricos, por exemplo. Ou coñecer máis, xogando, sobre enerxías renovables e conservación da natureza. Tamén poderán embarcarse nunha emocionante viaxe virtual a bordo dun simulador submarino.
A visita completa a Naturnova permite percorrer as 3 salas que conforman o centro: unha dedicada ao universo, outra ao planeta, e outra ao ser humano. Consta de 40 módulos interactivos.
«Cultura por alimentos»
Esta actividade, coma todas as propostas por Naturnova, está vinculada ao proxecto solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) e dirixido a apoiar a familias en risco de exclusión. As persoas que visitan Naturnova poden colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin nas instalacións do centro. As doazóns serán distribuídas por FESBAL en Vigo e a súa área de influencia.