Obra de Castelao en Sarria. En Ferrol, imaxes premiadas dun tití calvo de Brasil ou dun exótico picozapato, un ave que habita augas pantanosas africanas, forman parte da fascinante exposición de fotografías de animais de Tim Flach: «Emocións en perigo». En Tui e Camariñas, o público pode ver as instantáneas realizadas polo fotógrafo Manuel Valcárcel nas súas peregrinacións por Tíbet, Senegal, México e Galicia. Pontevedra acolle desde hoxe, 10 de setembro, a exposición que conmemora e percorre os 75 anos de historia da Editorial Galaxia e que en decembro chegará a Vigo. Son só algúns dos 28 proxectos expositivos que a Obra Social de ABANCA inaugurará en municipios de toda Galicia entre setembro e decembro. En 2024, máis de 520.000 persoas visitaron as mostras de Afundación.
O equipo da Obra Social de ABANCA programa exposicións nas súas sedes das cidades galegas e tamén en vilas das catro provincias a través do proxecto «Corrente Cultural». Co obxectivo de transcender os circuítos expositivos máis urbanos, das 28 exposicións programadas para os últimos meses do ano, 17 celébranse antes do nadal en vilas medianas e pequenas. En 2024, as mostras realizadas máis aló das sedes de Afundación convocaron máis de 130.000 visitantes.
Cunha produción propia en proxectos expositivos enfocada a dinamizar desde o local cunha mirada internacional, as propostas de Afundación promoven o coñecemento de artistas, linguaxes e propostas que abren as portas a universos creativos, rompedores e apelativos. Cunha converxencia de moi diversos estilos, as exposicións combinan tamén a reflexión artística e cultural co coñecemento científico ou o activismo cidadán, como sucede con todos os proxectos vinculados á sustentabilidade, que fan un chamamento á acción para construír unha sociedade máis responsable.
Arte contemporánea, educación financeira, ilustración e fotografía
Obras de arte contemporánea procedente dos fondos da Fundación Bancaja en diálogo algunhas delas con obras da Colección de Arte de ABANCA conformarán a exposición de arte contemporánea que Afundación inaugurará na Coruña para a tempada de outono e que permitirá ver na sala obras de Picasso, Sean Scully, Julian Opie, Juan Navarro Baldeweg, Juan Uslé, Manolo Valdés, Günther Förg, ou Darío Villalba.
A Sede da entidade na herculina rúa de Os Cantóns tamén acollerá «Ítaca», un espazo interactivo que fusiona educación financeira coa mitoloxía grega, nun percorrido con axuda de intelixencia artificial, personaxes interactivos e efectos visuais.
En Vigo, desde o 3 de outubro poderá verse «Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación», un innovador percorrido pola obra recente dalgúns dos máis recoñecidos profesionais da ilustración internacional, cunha mirada posta na creación galega. No nadal, a sede acollerá unha edición especial do Concurso de Beléns Afundación, que celebrará a súa edición número 60.
A aposta de Afundación polas novas linguaxes, o cómic e a ilustración, continúa en Ourense desde o 18 de setembro con «Picasso protagonista». A exposición permite un achegamento á figura e á obra do xenio a través da mirada de importantes nomes do cómic nacional e galego, e en diferentes e orixinais soportes.
A ilustración de primeiro nivel chega a Santiago de Compostela coa exposición «Goya – Hellboy. Unha iconografía de monstros por Stephane Levallois» que permite achegarnos á creación de Levallois, que colabora habitualmente con grandes cineastas como Ridley Scott ou Bryan Singer, e está detrás de éxitos cinematográficos como Harry Potter ou Alien; Lugo acolle os trazos do debuxante Siro nos que aborda a historia recente de Galicia en colaboración co Parlamento de Galicia.
No campo da fotografía documental, a programación de Afundación acollerá na Sede de Lugo, e en colaboración coa Cidade da Cultura de Galicia, a exposición do fotógrafo Nicolas Müller «Ventos do norte» na que se mostran os seus traballos menos coñecidos sobre Galicia.
No marco do programa «Educación para a sostibilidade», programáronse dúas importantes citas este outono: o Café Moderno Afundación acollerá en Pontevedra a mostra «Comedy wildlife. Concurso de fotografía», o proxecto de Afundación que se puido ver desde maio no Museo Nacional de Ciencias Naturais en Madrid e que nos ofrece a imaxe máis divertida e sorprendente da natureza. E na Sede Afundación de Ferrol preséntase a exposición «Emociones en perigo. Fotografías de Tim Flach», unha das exposicións máis exitosas de Afundación que nace co obxectivo de romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través de retratos de animais próximos e de forte personalidade realizados polo prestixioso fotógrafo.
39 exposicións de «Corrente Cultural» nun ano
Un total de 17 proxectos expositivos chegarán a vilas e municipios das catro provincias para ser mostradas en salas de exposicións municipais, grazas á colaboración entre Afundación, ABANCA e os diferentes concellos no programa «Corrente Cultural», que permite estender a programación expositiva de Afundación máis aló das súas salas. Entre os meses de xaneiro e xullo, un total de 22 localidades nas que vive o 10% da poboación de Galicia acolleron algunha das exposicións do proxecto. Cando acabe 2025, no marco de «Corrente Cultural» desenvolveranse un total de 39 mostras en toda a comunidade.
«Cultura por alimentos»
Todas as exposicións que organiza Afundación forman parte da iniciativa «Cultura por alimentos», desenvolta pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que asisten ás exposicións, tanto en salas propias como de terceiros, poden doar produtos non perecedoiros deixándoos nos contedores habilitados para tal fin en cada mostra. As entidades locais reparten as doazóns recibidas entre familias en risco de exclusión dos municipios nos que se celebran as exposicións e a súa contorna.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón