compartir

O cuarteto de Chucho Valdés chega ao Teatro Afundación o 15 de xuño para presentar o seu último disco, «Cuba&Beyond»

O Teatro Afundación recibirá o domingo 15 de xuño unha lenda viva da música afrocubana e do jazz latino: o pianista Chucho Valdés. Á fronte do Chucho Valdés Royal Quartet, o músico presentará ao público de Vigo o seu traballo máis recente, «Cuba&Beyond». Publicado o ano pasado, o disco contén temas do propio intérprete e compositor, algúns creados por outros membros do Chucho Valdés Royal Quartet, e mesmo unha homenaxe ao tamén lendario músico de jazz Chick Corea. As entradas aínda dispoñibles están á venda en Ataquilla.com.

Chucho Valdés (Cuba, 1941), 7 veces gañador do premio Grammy e 6 veces do premio Grammy Latino, construíu un amplo repertorio no que fusiona elementos da tradición musical afrocubana, o jazz, a música clásica e o rock. No seu novo traballo, «Cuba&Beyond», volve fusionar a sonoridade da música clásica con ritmos caribeños na canción Mozart a la cubana. En homenaxe a quen foi o seu amigo e colaborador, Chick Corea, o Chucho Valdés Royal Quartet tamén gravou no novo álbum a súa propia versión de Armando’s Rhumba, unha das composicións máis celebradas das moitas creadas por Corea. O título do tema parte do nome de pila de Corea: Armando. «Cuba&Beyond» foi finalista na última convocatoria dos premios Grammy Latino.

 

 

Royal Quartet

No Chucho Valdés Royal Quartet, acompañan o pianista o contrabaixista José A. Gola, Roberto Jr. Vizcaíno Torre ―percusión― e Horacio Hernández, O Negro, ―batería―. O cuarteto reuniuse para o lanzamento do álbum, no que ademais Valdés repasa seis décadas de carreira musical. E tamén para realizar a xira de presentación que agora chega a Vigo e que visitará diferentes países de Europa.

 

 

Biografía de Chucho Valdés

Nacido nunha familia de músicos en Quivicán, na provincia da Habana (Cuba), o músico tivo o seu pai, o tamén mítico Bebo Valdés, como principal referencia. Aos tres anos, Chucho Valdés xa tocaba no piano de oído e coas dúas mans. Culminou os seus estudos no Conservatorio Municipal de Música da Habana con tan só 14 anos. Foi fundador e compositor, xunto a Paquito D’Rivera, do grupo Irakere, que destacou pola súa peculiar maneira de fusionar a música afrocubana con ritmos como o jazz, a música clásica ou o rock. Recentemente, recibiu o NEA Jazz Masters 2025, a maior distinción que pode recibir un músico de jazz en Estados Unidos.

 

 

Imaxes do Chucho Valdes Royal Quartet, nesta ligazón

Outras noticias