Derradeiros días para presentarse ao XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

compartir

10 XUñ
16 XUñ

XXII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego agarda polo teu artigo en galego, publicado nun medio escrito ou en liña ao longo do ano 2024, para dar por finalizada esta nova edición. O 15 de xuño remata o prazo para presentar o teu traballo de xornalismo literario ou de opinión. As tres persoas finalistas recibirán o recoñecemento que impulsa o certame canda un premio económico de 10 000 euros, a gañadora; e de 2.000 €, cada unha das outras dúas finalistas. O resultado do galardón darase a coñecer nun acto público a final de ano, da man dun xurado conformado por persoas especialistas e consagradas no panorama xornalístico ou literario de Galicia. 

Consulta as bases AQUÍ.

 

PREMIO

A figura de Francisco Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo. Homenaxeamos a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, facemos extensiva a homenaxe a escritoras, escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia e en galego.

Máis información AQUÍ

 

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010)

Foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor e xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política.

Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, onde residiu desde o ano 1940.

 

 

Outros eventos