Exposición ‘CHEMA MADOZ. A natureza das cousas’, en Santiago de Compostela

compartir

26 MAR

LUNS a SÁBADOS | 12.00 a 14.00 h e 16.30 a 20.30 h

DOMINGOS | pechado

Alleo ás clasificacións habituais, Chema Madoz subverte as regras da natureza deixando vagar a súa imaxinación. Desprega a súa fantasía e funde os reinos animal, vexetal e mineral, dando lugar a un reino propio no que transforma follas, pólas, nubes, madeiras, plantas, flores, pedras… ofrecendo as combinacións máis inesperadas. Visita a nova mostra na Sede Afundación Santiago de Compostela, ‘A natureza das cousas. CHEMA MADOZ’, do 26 de marzo ao 29 de agosto de 2026

 

Comisaria | MARÍA RUBIO

Madoz (Madrid, 1958) é un dos creadores máis destacados da fotografía española contemporánea. El defínese ás veces, en entrevistas, como un «fotógrafo surrealista en branco e negro». A exposición está coorganizada con La Fábrica.

 

Chema Madoz comprácese en trastornar a realidade, porque malia a súa aparencia sólida e inalterable, unha mínima variación pode facernos conscientes da fraxilidade daquilo que nos arrodea. Ao longo dos anos, esas variacións introducidas nos obxectos —un eido fértil e inesgotable para o artista— fixéronnos ver outras realidades, expandiron o noso coñecemento e mesmo nos fixeron esbozar un sorriso ao identificar ou intuír os seus mecanismos, porque, como el mesmo sinala, «toda manipulación está á vista do espectador». É por iso que as súas imaxes nos resultan estrañas nun primeiro momento, mais familiares e facilmente identificables así que pousamos a nosa ollada nelas e recoñecemos os seus xogos, as súas indirectas, as súas combinacións, as súas mudanzas.

Porén, ao longo da súa carreira, Chema Madoz non só traballou co obxecto. Unha ollada atenta fainos descubrir a grande importancia que cobra a natureza no seu traballo e a cantidade de obras que lle inspirou. O artista opera procurando asociacións, parentescos e encontros fortuítos, realizando pequenos desprazamentos, combinacións, xustaposicións, metamorfoseándoos.

Chema Madoz traballa cos elementos da natureza do mesmo modo que o fai cos obxectos, de todas as maneiras posibles, e ás veces a sorpresa provén simplemente do cambio de función dos obxectos (un dedal que se torna nun testo). Como un mago que realiza milagres, Chema Madoz abre a nosa mente a un coñecemento máis fondo das cousas e da realidade que nos circunda, facéndoa máis complexa, expandíndoa e profundando nela.

 

OLIVA MARÍA RUBIO

 

Non perdas nada da nosa programación consultando a axenda. E para máis espectáculos, agardámoste en Ataquilla.com

Horario

LUNS a SÁBADOS | 12.00 a 14.00 h e 16.30 a 20.30 h

DOMINGOS | pechado

Outros eventos