Desde a Sede Afundación de Pontevedra dámos a coñecer as tres finalistas mulleres deste XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, elas son Alba Moledo Ucha por «Agromar»; Rexina Vega, por «Aínda aprendo»; e Carmen Villar, por «A terra que nos ata ao mundo». O xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Diego Ameixeiras, resolveu esta nova edición do Premio á que se presentaron numerosos artigos «de índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación, e sempre cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación», en palabras de Fina Casalderrey.
ARTIGOS FINALISTAS
«Agromar» de Alba Moledo Ucha, publicado en Diario de Pontevedra o 06/06/2024
«Aínda aprendo» de Rexina Vega, publicado en Tempos Novos, o 01/01/2024
«A terra que nos ata ao mundo» de Carmen Villar, publicado en Faro de Vigo, o 19/05/2024
Pódelos descargar e ler en PDF abaixo.
PREMIO AFUNDACIÓN DE XORNALISMO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
A figura de Francisco Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo. Homenaxeamos a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, facemos extensiva a homenaxe a escritoras, escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.
O premio está dotado con 10 000 euros e 2.000 para as persoas finalistas. Entre os gañadores podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro ou Mar Mato, gañadora da última edición.
Agora tamén podes facerte coa edición dixital que recolle todos os artigos gañadores do Premio desde o seu inicio ata o ano 2024. Entra AQUÍ!
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010)
Foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor e xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política.
Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, onde residiu desde o ano 1940.
Aproveita para visitares a axenda web e decatáreste de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte doutras actividades escénicas.