ABANCA, Afundación e o Concello de Trasmiras inauguraron esta mañá a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española non século XX» con un acto que contou coa presenza do tenente de alcalde do Concello de Trasmiras, Óscar Rodríguez; a directora de zona de ABANCA, María José López; a directora da oficina de ABANCA en Xinzo de Limia, Pilar Sobrino; e a responsable da Área Educativa de Afundación, Carmen Pérez. A mostra estará na Casa da Cultura de Trasmiras ata o vindeiro 22 de agosto, onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 h.
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.