O Concello de Camariñas, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, inauguraron hoxe a mostra fotográfica «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel». O acto contou coa asistencia da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua Rial; a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Begoña Tajes Méndez; o director da oficina de ABANCA, David López Cancela; e a coordinadora da Sede da Coruña, Beatriz Aler López.
A mostra poderase visitar ata o vindeiro 2 de outubro, de mércores a domingo en horario de 10.30 a 14.30 h.
A EXPOSICIÓN «DESTINO. UNHA PEREGRINACIÓN DE MANUEL VALCÁRCEL»
Nesta terra de emigrantes e peregrinos sabemos mellor ca ninguén da importancia vital da viaxe, un percorrido físico que implica, en paralelo, unha reflexión interior sobre os nosos valores, a nosa identidade e as nosas necesidades. Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálasenos de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que teñen a súa correspondencia no labor social de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor.
«Destino» amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino. Concíbese esta expedición como unha viaxe en espiral de seres humanos unidos e guiados polo destino, na busca de respostas a preguntas universais que nos atinxen a todas as persoas do mundo.
Á súa vez, esta exposición realiza a súa particular viaxe polas diferentes localidades de Galicia nas que se mostra dentro do programa «Corrente cultural», que permite a Afundación programar actividades culturais, grazas á colaboración cos concellos e con ABANCA.
Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel se nos fala de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel, e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor.
«Destino» amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes ―O Tíbet, Senegal, México e Galicia―, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino.