Un total de 22 vilas, nas que vive o 10% da poboación de Galicia, acolleron entre os meses de xaneiro e xullo algunha das 7 exposicións do proxecto «Corrente Cultural». E unha de cada dez persoas que viven nesas vilas e na súa contorna visitaron as mostras. O proxecto «Corrente cultural» desenvólvese a partir da convicción, por parte de Afundación, de que a arte e a cultura son elementos imprescindibles para potenciar o coñecemento e o desenvolvemento da sociedade. A Obra Social de ABANCA continúa levando exposicións coma «Auga. O sangue da terra», «Castelao grafista», «Arte en tinta» ou «Fauna esencial», a municipios das catro provincias de Galicia. No segundo semestre do ano, son 17 as mostras programadas. Para cando remate o ano 2025, «Corrente Cultural» terá chegado a un total de 39 as exposicións en municipios de tamaño intermedio de toda Galicia.
O proxecto «Corrente cultural» está deseñado para transcender os circuítos expositivos urbanos e trasladar as propostas expositivas alén das sedes de Afundación en colaboración con numerosas corporacións municipais e co apoio de ABANCA. Dende a súa creación, en 2021, máis de 465.000 persoas pasaron polas mostras que promove. Durante este mes de xullo, por exemplo, o mapa das exposicións de «Corrente Cultural» inclúe un total de 9 municipios: A Pastoriza, Quiroga e Ribadeo en Lugo; O Carballiño e Trasmiras en Ourense; Moaña e NIgrán na provincia de Pontevedra; e Noia na da Coruña.
Diversidade de propostas
Nas exposicións que Afundación leva ás vilas galegas en 2025 ao abeiro do proxecto «Corrente Cultural», hai diversidade de propostas temáticas e artísticas. A natureza, por exemplo, é o tema centras das mostras «Auga. O sangue da terra», «Fauna Esencial» e «Comedy Wildlife».
A arte é outro dos eixos do proxecto. Fondos das coleccións de arte de Afundación e de ABANCA poden ser contemplados en vilas das catro provincias a través de senllas exposicións. A mostra «Arte en tinta» é un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes, presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. Namentres, a exposición «Rostros nas coleccións de ABANCA e Afundación» convida ao público coñecer as diferentes e fascinantes interpretacións que artistas de Galicia fixeron da técnica do retrato dende finais do século XIX. Alén de representar a cada individuo, unha parte do interese das obras radica en como nos falan das diferentes épocas históricas nas que foron feitas, os seus códigos, e os seus sinais de identidade.
De Castelao á emigración ou as peregrinacións
Completan a relación de exposicións que «Corrente Cultural» que se poden ver neste ano en municipios das catro provincias 3 exposicións que tamén están fondamente relacionadas con Galicia. «Castelao grafista» reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao. «Nós tamén fomos emigrantes» é unha selección de 40 fotografas da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE.
En «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel» o fotógrafo monfortino aborda con perspectiva documental diferentes temas coma a familia, a emigración, o envellecemento, ou a sustentabilidade a partir do seu relato visual das súas catro peregrinacións en catro países doustros tantos continentes −O Tíbet, O Senegal, México e Galicia−.
Cultura por alimentos
O proxecto «Corrente Cultural» tamén forma parte da iniciativa «Cultura por alimentos», desenvolta por Afundación en colaboración coa Fundación de Bancos de Alimentos de España (FESBAL). As persoas que asisten ás exposicións poden doar alimentos non perecedoiros deixándoos nos contedores habilitados para tal fin en cada mostra. As entidades locais vencelladas a FESBAL reparten as doazóns recibidas entre familias en risco de exclusión dos municipios nos que se celebran as mostras e a súa entorna.