Máis de 30 persoas voluntarias entre mergulladores e persoal de apoio traballaron ao longo de toda a mañá no porto de Portonovo nunha limpeza colaborativa de lixos mariños organizada por Afundación no marco do seu proxecto ambiental PLANCTO. Os participantes lograron retirar máis de 2.500 quilos de residuos.
Bucios da Confraría de pescadores e do Club Náutico de Portonovo foron os encargados de realizar as inmersións para localizar os residuos. O barco bateeiro Juanito Ruano con base en Combarro tamén se sumou de xeito desinteresado á actividade. Nesta ocasión conseguiron retirar dos fondos fundamentalmente útiles de pesca, extraviados durante o seu exercicio, como os pneumáticos empregados como defensa nas embarcacións e muros do porto para facilitar as operacións de atracada; restos de cordas e cabos, nasas, redes ou boias. Tamén atoparon unha radiobaliza, un motor, unha áncora e un cono. Ademais, as persoas voluntarias localizaron outro tipo de obxectos vinculados á actividade recreativa, tanto nas embarcacións como na contorna do porto, como botes e botellas de vidro, latas, restos de envases e envoltorios, e outra serie de refugallos, que chegaron ao mar por distintas vías.
Ao longo de toda a mañá prestaron tamén apoio en superficie persoas voluntarias de ABANCA e Afundación, quen transportou os residuos retirados ata o punto de clasificación e pesada situado no exterior da lonxa.
Establecer alianzas para lograr obxectivos seguindo a liña marcada polo Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17 é un dos piares sobre os que se sustenta este plan de conservación territorial impulsado por Afundación tal e como mostra a actividade realizada hoxe no porto de Portonovo na que participaron, ademais da Confraría e o Club Náutico, o Concello de Sanxenxo encargado da xestión final dos residuos retirados, Portos de Galicia, Protección Civil e ABANCA e Afundación a través do programa de voluntariado Actúa.
Tras a xornada de hoxe no porto de Portonovo retiráronse xa a través do proxecto PLANCTON máis de 132 toneladas de lixos mariños en diferentes enclaves da costa galega.
Ademais de contribuír á protección da contorna, o obxectivo das actividades realizadas no marco deste plan de conservación territorial, é promover unha conciencia sostible en toda a sociedade, a través de formas de actuar responsables e preventivas que minimicen o noso impacto sobre o medio para garantir ás futuras xeracións o seu uso e goce.
As imaxes da limpeza de hoxe están dispoñibles AQUÍ.