O Teatro Afundación despedirá a súa programación de 2025 o próximo 30 de decembro cun concerto a cargo da Orquestra Clásica de Vigo. Será o punto final tamén dunha programación, a do segundo semestre deste ano, que propón un espectáculo cada 3 días.
Cando o segundo sábado de setembro, día 13, os actores Facu Diaz & Miguel Maldonado se suban ao escenario do teatro da Obra Social de ABANCA para representar Quieto todo el mundo, comezará a despregarse unha oferta de cultura e espectáculos que achegará ao público vigués ata 18 obras teatrais e monólogos, 15 concertos de diferentes estilos, 2 espectáculos de maxia e outros 2 de danza e ballet. A eses 37 espectáculos sumaranse os concertos da Tempada de Abonos de música clásica de Afundación en Vigo, cuxos detalles serán dados a coñecer nos próximos días.
Entradas moi demandadas
As entradas para moitos dos espectáculos xa están á venda en Ataquilla.com. Nalgúns casos, xa quedan moi poucas. Sucede co concerto de Miguel Ríos: El último vals. Será o día 10 de outubro, un mes no que a música rock e pop terán un protagonismo moi especial.
Polo escenario do Teatro Afundación pasarán tamén en outubro Eladio y los Seres Queridos -o día 3-, o Tributo a The Beatles Abbey Road -día 4-, e a cantante Tamara, que está a presentar por toda España o concerto para voz e piano co que fai un repaso a toda a súa traxectoria: 25 años de corazón.
Abraham Cupeiro, Carlos Núñez, Al Di Meola
O tributo a Dire Straits titulado Brothers in arms -xa o 28 de novembro-, e un concerto no que o cantante Rafa Sánchez, ex-líder de La Unión, volverá sobre os temas clásicos do grupo o día 19 de decembro, completan a oferta de música pop e rock. Para a actuación de Rafa Sánchez comezan a quedar poucas entradas. E o mesmo sucede con dous espectáculos que xa comezan a ser un clásico do Nadal en Vigo: os de Abraham Cupeiro, os días 20 e 21 de decembro, e o de Carlos Núñez, que un ano máis comparecen ante o público da súa cidade na noite anterior á de Noiteboa, o 23 de decembro.
A programación de música popular complétana dúas citas co jazz. Por unha parte, o que seguramente sexa un dos concertos do ano en Galicia, o do lendario guitarrista estadounidense de jazz Al Di Meola -16 de novembro-. Ademais, Vitruvia Café organiza o 7 de outubro no auditorio do Teatro Afundación o seu terceiro Festival Internacional de Música Clásica e Jazz.
Tres concertos organizados en colaboración coa Asociación de Amigos de la Ópera, e o que protagonizará a Orquestra Clásica de Vigo o 24 de outubro, forman parte da proposta de música culta para a tempada. O «Outono lírico» da Asociación de Amigos de la Ópera citará ao público seguidor do xénero o 26 de setembro con La voz humana y la dama de Montecarlo; o 18 de outubro na velada musical Una noche en la zarzuela protagonizada pola soprano Ainhoa Arteta, e o 8 de novembro con Werther.
Do teatro á maxia
Dúos cómicos coma os de Perdomo e Touriñán, ou David Amor e Josito Porto, ou monologuistas coma Dani Mateo, Ángel Martín, ou David Puerto están entre as principais propostas de comedia para a tempada.
A programación teatral inclúe un total de 18 propostas, 5 delas vinculadas á Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo e que inclúe espectáculos protagonizados por intérpretes da talla de Lola Herrera, Natalia Dicenta ou Gabino Diego.
Ademais, o Ballet de Kiev presenta O Lago dos Cisnes o 10 de outubro. E o 14 de decembro chega a Vigo Reinventio, o show familiar creado para celebrar o Xacobeo e que inclúe circo, ilusionismo, danza e música.
Dúas citas coa maxia, a gala internacional «Galicia Ilusiona» -11 e 12 de outubro-, e o «Galicia Magic Fest» -26 de decembro- completan a programación.
«Cultura por alimentos»
Algúns dos eventos que se programan no Teatro Afundación, como as funcións do abono de teatro ou clásica, forman parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolvido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que asisten aos espectáculos poden colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.
Hai imaxes dalgúns dos espectáculos nesta ligazón.