Sanxenxo acolleu esta mañá no paseo de Baltar, en Portonovo, a presentación da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», unha iniciativa educativa impulsada por Afundación mediante a cal, a Obra Social de ABANCA busca dar a coñecer ás persoas usuarias das praias, a través dunha exposición con tótems informativos, consellos e boas prácticas para aplicar nos areais durante a tempada estival, co fin de respectar os seus ecosistemas e as especies que os habitan, evitando alteracións que poidan afectar ao seu equilibrio.
A campaña forma parte dos programas PLANCTON e «Educación para a sostibilidade», dous proxectos que foron recoñecidos co primeiro premio nacional de Medio Ambiente outorgado pola CECA nas súas dúas últimas edicións, e cos que a Obra Social de ABANCA busca inculcar na sociedade formas de actuar responsables co medio ambiente, tratando de concienciarnos sobre a relevancia das pequenas accións no noso día a día e promovendo o sentido de pertenza e responsabilidade no coidado da contorna.
No acto de presentación estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres; José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación; Raúl Albores, director da oficina de ABANCA en Portonovo, e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON. Este Plan de Conservación Territorial permitiu retirar neste municipio máis de tres toneladas e media de residuos en sendas operacións colaborativas de limpeza submarina realizadas en abril e xuño nos fondos dos portos de Portonovo e Sanxenxo, coa colaboración de ambas confrarías.
A exposición permanecerá no paseo de Baltar ata mediados de setembro, e entre as boas prácticas recollidas nos tótems inclúense consellos como evitar o movemento de pedras de tamaño medio e o uso de ganapáns nas rochas e na beira do mar, para non danar innecesariamente a fauna acuática; escoller cremas e produtos de protección solar respectuosos cos océanos e as especies que neles habitan, e aplicalos polo menos 30 minutos antes de entrar na auga para evitar que se disolvan sen exercer a súa acción protectora na pel; non deixar residuos na praia, xestionándoos de forma máis adecuada en casa; ou aproveitar os paseos pola beira para recoller os desperdicios que podamos atopar polo camiño.
Imaxes da presentación, dispoñibles AQUÍ.
«EDUCACIÓN PARA A SOSTIBILIDADE»
O programa «Educación para a sostibilidade», primeiro premio nacional de Medio Ambiente da CECA, promove o sentido de pertenza e responsabilidade no coidado da contorna. Mediante unha implementación transversal a todas as áreas de Afundación, o obxectivo é inculcar prácticas sostibles entre unha xeración consciente e comprometida, e animar, con iso, a máis xente a sumarse a un futuro sostible. A partir dunha programación variada, dinámica e innovadora, proporciona coñecemento para entender os desafíos ambientais e empoderar aos máis novos para ser axentes de cambio, reforzando a súa autonomía e responsabilidade no camiño cara un maior compromiso sostible.
Así, tanto mediante accións directas de voluntariado na limpeza de areais ou reforestación, actividades didácticas derivadas de exposicións de contido ambiental, iniciativas que unen prácticas sostibles con expresión artística como «Plantando árbores con pinceis», ou as que se desenvolven en Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación, único en Galicia, o propósito é concienciar sobre a necesidade dun firme compromiso sostible coa participación dun grande número de públicos de toda a xeografía galega. En 2024, máis de 200.000 persoas involucráronse a través de toda esta diversidade programática, coa Obra Social de ABANCA, na protección directa da nosa contorna.