compartir

Ilusionistas premiados en todo o mundo chegan ao Auditorio da Sede de Afundación co festival «Galicia ilusiona»

«Grandes aparellos, cunha escenografía única, onde hai aparicións, desaparicións ou levitacións. Unha viaxe ao mundo da infancia e dos soños». Todo iso sucederá, por exemplo, durante o espectáculo que a compañía de ilusionismo barcelonesa Mag Edgard ofrecerá durante o Festival Mundial de Ilusionismo «Galicia Ilusiona», que chega ao Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra o próximo 10 de outubro. No evento tamén participan o francés David Burlet, o galego Nacho Samena, e o coreano Seimei. O Mago Murphy volverá exercer, do mesmo xeito que o pasado ano, como mestre de cerimonias. O Festival Mundial de Ilusionismo «Galicia Ilusiona» alcanza a súa cuarta edición. Haberá dobre sesión: ás 18:00 horas e ás 20:30 horas. As entradas aínda dispoñibles, xa poucas, están en Ataquilla.com.

«Galicia Ilusiona» é unha das 14 propostas da programación da Obra Social de ABANCA en Pontevedra no último trimestre do ano. Haberá un evento ou festival cada 6 días. O público ao que lle gustan a maxia e o ilusionismo poderá gozar ademais doutras dous espectáculos nos meses de novembro e decembro. E tamén, pasarán polo Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra cantantes como Tamara, monologuistas da talla de Miguel Lago, Ernesto Sevilla e Dani Mateo, ou as obras de teatro As amargas bágoas de Petra von Kant, protagonizada por Ana Torrent e Natalia Dicenta, ou A Señorita Xulia, con Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto como protagonistas.

 

 

 

Malabares, destreza, ou trucos asiáticos

Desde «Galicia Ilusiona» informan de que o mago francés David Burlet presentará un acto de malabares e maxia cun ritmo trepidante e frenético. Durante a execución de cada número,  o máis mínimo erro pode ser fatal.

Pola súa banda, o galego Nacho Semana ten unha proposta divertida e orixinal que fusiona música e destreza para lograr o asombro do público.

Con Seimei chega a Pontevedra a maxia máis oriental. O seu número cargado de tradición, é unha viaxe polo mundo do ilusionismo asiático cunha coidada posta en escena e efectos máxicos de alto impacto.

 

A maxia segue en novembro e decembro

A maxia volverá ao Auditorio da Sede de Afundación o 21 de novembro da man de Shado «o mago Cleptómano. Un mes despois, o 21 de decembro, será tempo da novena edición do «Galicia Magic Fest», dirixido polo ilusionista pontevedrés Pedro Volta e cuxa programación inclúe ilusionistas chegados desde Arxentina, Canadá, Estados Unidos e Países Baixos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxe do ilusionista Nacho Samena, nesta ligazón

Outras noticias