compartir

ABANCA, Afundación e o Concello de Sanxenxo presentan «Comedy Wildlife», a nova mostra de rúa do proxecto «Corrente cultural»

O Concello de Sanxenxo, ABANCA e Afundación presentan a exposición de rúa «Comedy Wildlife». O acto de inauguración tivo lugar esta mañá no espigón do Porto Deportivo Juan Carlos I e contou coa asistencia do concelleiro de Turismo do Concello de Sanxenxo, Juan Deza; da concelleira de Facenda, Economía e Persoal do Concello de Sanxenxo, Paula Martínez; do director de zona Arousa/Salnés de ABANCA, Víctor Manuel Moralejo; do director da oficina de ABANCA en Sanxenxo, Roberto Pérez; e da coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.  A mostra poderase visitar no espigón do Porto Deportivo Juan Carlos I ata o día 31 de xullo.  

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A EXPOSICIÓN «COMEDY WILDLIFE»

As imaxes que articulan «Comedy Wildlife» resultaron distinguidas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor polo galardón The Comedy Wildlife Photography Awards. Agora chega na súa versión de rúa tras abarrotar nos últimos dous anos museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, e despois do seu exitoso paso polos centros de Afundación en Galicia. Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico. 

Nos últimos tempos, a fraxilidade dos nosos ecosistemas e das súas especies esperta unha crecente preocupación ambiental que xerou multitude de reaccións, e tamén unha ineludible onda de mensaxes derrotistas. A miúdo estes resultan contraproducentes, ao provocar unha clara reacción de rexeitamento ou mesmo evasiva que busca minimizar esa angustia ―ecoansiedade― que produce enfrontarse a un asunto de tales dimensións. «Comedy Wildlife» é unha exposición que cativa toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar ao público e facer unha chamada de atención mediante a empatía que sentimos con estas imaxes. Así, as 60 instantáneas seleccionadas que se presentan amosan, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches, osos ou pingüíns. 

Asegura o cofundador dos premios «The Comedy Wildlife», o fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sostibilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes». E que por iso se animou, xunto aos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente belo e interconectado».

 

Outras noticias