compartir

A cantante Tamara celebra máis de 25 anos de éxitos nun concerto para piano e voz no Teatro Afundación Vigo

A cantante Tamara presentarase nun concerto para piano e voz o próximo 5 de outubro (19.00 h) no Teatro Afundación. A artista, tamén coñecida como a «Raíña do Bolero», chega a Vigo na xira na que celebra 25 anos de éxitos. En 1999, Tamara lanzaba o seu primeiro disco: Gracias. Publicaría rapidamente outros traballos, como Siempre e Abrázame. A cantante iniciaba unha traxectoria na que vendeu millóns de discos en España e América Latina e que lle serviu tamén para gañar importantes premios a ambos os dous lados do Atlántico. As entradas para o concerto de Pontevedra poden conseguirse en Ataquilla.com.

Tamara volverá sobre todos os seus grandes éxitos no seu concerto. Ademais, presentaralle ao público vigués en directo as súas últimas cancións, gravadas en 2024 e 2025.  Entre o novo, tres temas clásicos da música popular española que incorpora ao seu repertorio para homenaxear ao seu autor, o músico e produtor Manuel Alejandro, e unha das grandes voces femininas das últimas décadas en España: Rocío Jurado. Trátase das cancións Ese hombre, Señora y Mi amante amigo.

 

Unha traxectoria premiada

A exitosa carreira de Tamara, nacida en 1984 en Sevilla, comezou realmente antes da gravación do seu primeiro álbum. As súas participacións, sendo nena, no programa musical infantil de televisión «Menudas estrellas», comezaron a facela popular pola calidade da súa voz e a súa interpretación. Pouco despois comezaría unha carreira que a levou a merecer distincións como o Premio Ondas á mellor canción coa exitosa Herida de Amor, varios  nomeamentos aos Premios Grammy Latino e o Premio Latino de Oro á súa traxectoria.

A xira na que conmemora os 25 anos transcorridos desde que publicou o seu primeiro álbum denomínase «25 Años. De Corazón». Sobre o escenario, Tamara poñerá o protagonismo na súa impresionante voz, sen artificios, acompañada unicamente do  seu inseparable piano.

O concerto é unha das 40 propostas da programación da Obra Social de ABANCA en Vigo no último trimestre do ano, unha cada 3 días. A seguinte cita coa música popular será o 10 de outubro e de novo nun concerto no que un gran artista repasa unha prolífica carreira: Miguel Ríos presentaralle ao público vigués a súa xira El último vals.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxes dispoñibles nesta ligazón

Outras noticias