compartir

A Confraría de Pescadores de Muros e Afundación convidan a «Gozar da praia sen deixar pegada»

Afundación e a Agrupación de Marisqueo a pé da Confraría de Pescadores de Muros presentaron hoxe no paseo da Praia do Castelo de Muros a campaña «Goza da praia sen deixar pegada», que se desenvolve en colaboración co Concello de Muros. A iniciativa ten como obxectivo mostrar ás persoas usuarias das praias diferentes aspectos relacionados coa actividade marisqueira nos areais, boas prácticas na súa #gozar e distintos consellos que axuden a respectar estes ecosistemas e as especies que habitan neles, co fin de evitar alteracións que poidan afectar tanto ao seu equilibrio como ao propio medio de vida destas traballadoras do mar.

A campaña forma parte do programa «Educación para a sostibilidade» da Obra Social de ABANCA, primeiro premio nacional de Medioambiente de CECA, co que se pretende promocionar na sociedade un conxunto de boas prácticas ambientais para concienciarnos sobre a inmensa relevancia das pequenas accións do noso día a día.

O colectivo de mariscadoras de Muros encargarase da difusión das boas prácticas a pé de praia, entregando aos turistas cinceiros portátiles, para evitar que se enterren ou se deixen cabichas sobre a area, e bolsas reutilizables coa mensaxe da campaña, animando a recoller lixos mariños durante os paseos de lecer polo areal. 

Paralelamente á campaña informativa, instalouse na contorna da Praia do Castelo unha exposición con tótems informativos sobre a práctica marisqueira, o valor da biodiversidade e distintos consellos e boas prácticas sobre o uso recreativo dos areais.

Empregar cremas de protección solar respectuosas cos océanos e aplicalas como mínimo media hora antes do baño, non mover ou voltear pedras de tamaño medio, non deixar cabichas enterradas ou sobre a area, ou non deixar lixo nas praias, son algunhas das sinxelas prácticas que repercutirán sen dúbida en beneficio do medio e de todas as persoas usuarias das praias, tanto as que as empregan de maneira recreativa como das que desenvolven nelas a súa actividade profesional.

O acto de presentación desta nova edición da campaña «Goza da praia sen deixar pegada» en Muros contou coa participación de Adela Lestón, presidenta da Agrupación de Marisqueo a pé da Confraría de Pescadores de Muros; María Lago, alcaldesa de Muros, José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación; o director de zona de ABANCA, Miguel Ángel García Rey e a directora técnica do proxecto PLANCTON, Saleta González.

A campaña «Goza da praia sen deixar pegada» forma parte do Plan de Conservación Territorial-ON (PLANCTON) impulsado pola Obra Social de ABANCA, que ademais de inculcar na sociedade formas de actuar respectuosas co medio, conseguiu retirar ata o de agora máis de 133 toneladas de lixo de diferentes enclaves dos mares e da costa galega.

 

Imaxes da presentación AQUÍ

Outras noticias