A Sede Afundación de Vigo reforza o seu papel como un espazo clave para o coñecemento, o diálogo científico e o intercambio profesional. Durante o primeiro semestre de 2025, o emblemático edificio do centro de Vigo acolleu sete grandes congresos que reuniron máis de 2.300 asistentes, consolidando así o seu compromiso con sectores como a saúde, a sostibilidade, a ciencia e o desenvolvemento social.
Entre setembro e novembro, o singular edificio da Obra Social de ABANCA en Vigo acollerá 9 congresos e reunións máis de alto nivel. Trátase de 3 ao mes. Estes encontros reunirán especialistas de referencia en temas como o cultivo in vitro de tecidos vexetais, a seguridade alimentaria, diferentes áreas de coñecemento e especialización médica, o desenvolvemento de software ou a seguridade industrial. Volverán o evento #gastrotech Pulpo Con e o Congreso de Empresarias de Galicia.
Primeiro semestre: sanidade e medicina, pesca, relixión e telecomunicacións
A celebración de congresos relacionados con especialidades médicas e atención sociosanitaria tivo unha relevancia especial no primeiro semestre. O VII Simposio OncoPrecisión’25 reuniu máis de 230 profesionais do ámbito oncolóxico e científico para abordar avances en terapias personalizadas. Pola súa parte, o XII Congreso de CEOMA puxo no centro do debate o envellecemento activo e digno, con máis de 500 asistentes do ámbito sociosanitario. O ámbito médico continuou sendo protagonista co XXXII Congreso SEEOP, que reuniu case 1.000 oftalmólogos especializados en pediatría.
Tamén se celebraron o III Foro Galicia de Sustentabilidade Global de Produtos do Mar e o II Fórum do Pescado e Produtos do Mar; o Congreso AEHRC sobre diálogo inter-relixioso; e o workshop SIC’25, centrado en redes 6G, IA e tecnoloxías cuánticas.
Segundo semestre con marcado carácter internacional
De cara aos próximos meses, a Sede Afundación Vigo continuará acollendo citas de gran relevancia.
A primeira será a XVI Reunión de Cultivo in vitro de Tecidos Vexetais (do 3 ao 5 de setembro). O evento/conferencia Pulpo Con 2025, que achega o movemento crafter e o código limpo á comunidade de desenvolvedores de software de Galicia, terá lugar do 18 ao 20. Entre ambas as citas, un dos encontros máis importantes do sector pesqueiro que se celebra cada ano en Vigo: a XII ANFACO World Tuna Conference (11 e 12 de setembro), que reunirá máis de 400 executivos do sector internacional do atún. Os encontros reunións de alto nivel relacionados co sector pesqueiro continúan co congreso Aquatic Food = Food Security, organizado por Conxemar xunto coa FAO e o MAPA (6 de outubro).
Completan a programación de outubro a Reunión Anual da Sección de Cardioloxía Xeriátrica 2025 (días 2 e 3) e o IX Congreso Empresarias de Galicia (21 de outubro), que visibiliza o liderado feminino no tecido empresarial galego.
Xa no mes de novembro, a Sede de Afundación en Vigo acollerá o XVIII Congreso da Sociedade Iberoamericana de NeuroUroloxía e Uroxinecoloxía (SINUG); as Xornadas REGIC de investigación clínica; e o II Congreso de Seguridade Industrial (26 e 27 de novembro), organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, que ofrecerá formación práctica e oportunidades de networking.