Afundación, a Obra Social de ABANCA, dentro do seu compromiso por desenvolver iniciativas de impacto social e de compartir a súa experiencia e coñecemento en áreas tan relevantes coma esta, pon en marcha por primeira vez en Madrid «Música a flor de pel», un programa que levará microconcertos aos centros de educación especial da comunidade. Tras a súa exitosa implantación en Galicia e o seu posterior desenvolvemento con alta demanda en Extremadura, agora serán os centros de educación especial madrileños os que se beneficien dun programa altamente positivo para os seus usuarios.
Nesta primeira edición participarán, desde o 9 ata o 13 de xuño, máis de 1000 persoas de 11 centros de educación especial: CEE Carmen Fernández Miranda, Colegio Ademo, Colegio La Purísima, Colegio Estudio 3, Colegio Cambrils, Colegio Fund. Instituto San José, CEE María Isabel Zulueta, Colegio Juan XXIII, Colegio San Rafael, Cc Nuestra Señora de las Victorias e Colegio Los Álamos.
Un programa especial
Afundación pon en marcha este programa desde o coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. A música en vivo esperta emocións, favorece a expresión afectiva e xera un contorno de seguridade emocional. Para os nenos e nenas participantes en «Música a flor de pel», a música convértese nunha canle de comunicación non verbal que permite expresar alegría, sorpresa, tranquilidade ou entusiasmo, mesmo cando existen barreiras na linguaxe.
Así, estes concertos convértense nunha ferramenta terapéutica e educativa que conecta os nenos e as nenas coas súas emocións, cos demais e co seu propio corpo, abrindo unha porta á inclusión e á participación activa na vida cultural.
«Música a flor de pel» enmárcase, deste modo, dentro do compromiso de Afundación, como obra social de ABANCA, coas artes e a cultura como motor de crecemento persoal, coa atención á diversidade, coa igualdade de oportunidades e coa sensibilidade social.
Nesta edición 2025, que chega xa a Madrid, preséntase a proposta de Pedro Campos, un concerto no que o percusionista, cantante e musicoterapeuta, exintegrante do recoñecido grupo cubano David Álvarez e Juego de manos e da Orquestra Galega Televisión de Galicia, entre outras agrupacións, crea un momento divertido e cheo de ledicia utilizando a percusión: batería virtual, bongós, timbais, maracas, etc. A música e o baile serán a ponte de conexión co alumnado. Unha actividade onde os diferentes instrumentos de percusión estarán ao alcance de cada nena e cada neno para que os coñezan e experimenten con eles.
Imaxes da actividade, dispoñibles AQUÍ