Un total de 125 mozas e mozos aloxaranse durante o próximo curso na Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra. Tras 66 anos acollendo a novos estudantes en etapa universitaria ou de formación profesional, a Residencia foi obxecto dunha profunda reforma nos últimos meses. Envolventes, ascensores, habitacións, zonas comúns e xardíns foron obxecto das obras de renovación. Operarios apuran as últimas obras, as correspondentes ás pistas deportivas e o hall do centro, para que estean terminadas antes do inicio do curso. A Obra Social de ABANCA dedicou máis dun millón de euros á reforma.
A ocupación da Residencia de Estudantes xa é total para o período académico 2025-2026 e os aspirantes que non obtiveron unha praza permanecen en lista de espera. Desde a súa inauguración en 1969, a Residencia acolleu a máis de 6.000 estudantes. Tras as obras de reforma, a Residencia incorpora importantes melloras en sustentabilidade e eficiencia enerxética, accesibilidade e estética.
Un verán solidario
Destas melloras xa gozan, durante este verán, máis de 300 persoas participantes en Special Olympics Galicia, un proxecto que ofrece ás persoas con discapacidade intelectual unha ampla oferta de actividades para que gocen das súas vacacións na Residencia de Estudantes.
Esta actividade está promovida polo colectivo Special Olympics Galicia en colaboración con Afundación. Special Olympics Galicia está integrado por nais e pais, profesionais, e familias, que traballan para favorecer a promoción do tempo libre e o deporte por parte de persoas con discapacidade intelectual. A iniciativa estival, na que este ano participan nos meses de xullo e agosto 410 persoas en toda Galicia, tamén ten os obxectivos de propiciar a inclusión e a visibilidade do colectivo de persoas con discapacidade intelectual.
93 habitacións
A Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra está situada na Avenida de Vigo, a tan só 700 metros das estacións de tren e autobús. Conta con 50 cuartos dobres, 5 dos cales están habilitados para persoas con mobilidade reducida. Un total de 40 habitacións son individuais. O edificio da Residencia ten unha superficie de máis de 5.000 m2 distribuídos en 5 plantas nas que tamén hai salas de estudo, salas de xogos, de televisión ou aulas. Conta, ademais, con pistas deportivas propias.
Imaxes do edificio nesta ligazón