compartir

Special Olympics Galicia presenta con Afundación o seu programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual

Special Olympics Galicia presentou esta mañá en Pontevedra o seu programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; e a representante de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Carmela González.

 

As imaxes da presentación están dispoñibles aquí.

 

Este programa, que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto, ofrece ás persoas con discapacidade intelectual unha ampla oferta de actividades co obxectivo de propiciar a súa inclusión e dar visibilidade a este colectivo, así como garantir que gocen das súas vacacións estivais nas mesmas condicións que o resto da sociedade. Participarán 410 persoas, pertencentes a 15 entidades de toda Galicia, das que 309 o farán na Residencia de Estudantes Afundación, que gozarán das súas vacacións na Residencia Universitaria Afundación de Pontevedra e da edición especial do programa «Música a flor de pel» que levará a estes campamentos unha proposta na que se combinan melodías, emoción e sensibilidade.  

Con estas estancias Special Olympics Galicia pretende cumprir a súa misión, en palabras do seu presidente, Eladio Fernández, «contribuíndo a que todo o mundo teña dereito ao tempo libre e ao lecer, sexan cales sexan as súas necesidades, como moi ben soubo ver Afundación. De feito, a súa Residencia de Estudantes é o lugar escollido pola enorme parte das persoas participantes, porque se sente o apoio de Afundación e a confianza no proxecto que acolle».

Carmela González destacou o papel de Afundación ao ser unha entidade que «se reafirma nos valores fundamentais de inclusión, igualdade e entrega, o cal sería imposible sen o equipo de Afundación que demostra con feitos o seu compromiso con Special Olympics. Estamos nun fogar que nestes dous meses se enche de momentos únicos».

 

Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, destacou tamén o papel desenvolvido por Special Olympics «como unha entidade con accións sempre relevantes e visibles que contribúe a integrar e normalizar, a reivindicar a independencia e a posibilidade de tomar decisións dentro das diversas capacidades de cada persoa. Iniciativas que apoiamos desde Afundación para favorecer o camiño cara a unha sociedade máis igualitaria e concienciada da importancia da diversidade».

 

SPECIAL OLYMPICS GALICIA

Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Profesionais e Familias a favor da promoción do tempo libre e o deporte para persoas con discapacidade intelectual. A súa misión é proporcionar todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e de dinamización do voluntariado, co fin de mellorar as condicións físicas e psíquicas das persoas con discapacidade intelectual.

O seu obxectivo é promover a inclusión social de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva e o lecer dando a oportunidade a todas as persoas participantes a gozar das súas vacacións en igualdade de condicións ao resto de cidadáns.

Outras noticias