«Vidas minadas. 25 anos» é un repaso á obra do recoñecido xornalista e fotógrafo Gervasio Sánchez que se poderá visitar ata o 30 de agosto, de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábado de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h. Trátase dunha escolma fotográfica que mostra o triunfo da vida sobre a traxedia da guerra e a violencia e que repasa o cuarto de século dun proxecto persoal de Gervasio Sánchez que pretende concienciar sobre a necesidade de recordarnos o valor da nosa humanidade e do fracaso social que supoñen sempre as guerras.
Con este propósito como eixe da Bienal de Arte de Pontevedra, esta mostra aspira a presentar unha nova visión da obra de Sánchez, baseada na forza visual e a riqueza comunicativa das súas imaxes. O autor non busca unha mera documentación dos conflitos bélicos, senón capturar a vida mesma que xorde entre as ruínas da guerra. Gervasio Sánchez mostra a extraordinaria capacidade de resistencia e superación do ser humano e como as persoas tentan normalizar a súa vida tras os desastres producidos polos conflitos bélicos. Un bo exemplo diso é a fotografía protagonizada por unha das nenas vítimas das minas antipersoa que se maquilla e acicala sen ser consciente das amputacións sufridas; ou eses nenos que son capaces de converter as ruínas dos edificios de Saraxevo nun perfecto patio de xogos. Son pequenos pero poderosos xestos que axudan aos protagonistas das fotografías a superar as adversidades e reivindicar a vida.
As imaxes da mostra están dispoñibles aquí.
«Conversamos con Gervasio Sánchez», en Afundación TV
«A guerra é o peor que nos pode pasar, é o maior fracaso dunha sociedade», sentencia Gervasio Sánchez no encontro con Afundación TV no espazo «Conversamos con», a raíz da mostra que, sobre o seu traballo, acolle o Café Moderno Afundación de Pontevedra, no marco da Bienal de Arte que promove a Deputación de Pontevedra a través do seu Museo.
Nesta entrevista, o Premio Nacional de Fotografía 2009 insiste na necesidade de recuperar a empatía, de situarnos no papel de quen se encontran en contextos nos que as súas propias vidas e as das súas familias están en risco, para comprender o valor da humanidade como esencia. «Necesitamos empatizar coa dor allea para comprender que é o que pasa ao noso arredor» e, para iso, incide na necesidade de esixir rigor aos medios de comunicación, porque, para podermos superar a mentira, «necesitamos maior calidade informativa, xa que, de igual maneira que non permitiriamos que os nosos fillos fosen á escola cun baixo nivel formativo ou que a nosa sanidade desatendese a xente que acode enferma, debemos esixir unha boa calidade informativa para evitar que nos poidan enganar e manipular». No seu traballo, Gervasio Sánchez caracterizouse por afondar na mirada empática, na parte máis humana dos conflitos máis tráxicos, para amosar unha maneira de ver na que a súa premisa esencial foi sempre non tomar aquelas imaxes nas que el mesmo non querería verse retratado: «Se eu estivise nun campo de refuxiados, cunha fame feroz, co meu fillo moribundo e sen forzas eu xa para espantarlle as moscas da cara, e viñese un fotógrafo e o sacase, gustaríame? Non. Pois eu non o fago».
Afundación TV, a plataforma dixital de contidos audiovisuais de Afundación, deu comezo en 2023 a un espazo de encontros culturais e de promoción do coñecemento, «Conversamos con», en cuxa primeira entrega participou a prestixiosa catedrática británica de historia antiga Mary Beard. Desde entón, numerosas personalidades recoñecidas a nivel internacional, estatal e galego participaron nestas charlas accesibles para todos os públicos.