O Concello do Grove, ABANCA e Afundación presentaron a nova exposición do proxecto «Corrente cultural», a mostra de rúa «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación». O acto de inauguración tivo lugar esta mañá na praza do Corgo do Grove e contou coa asistencia do alcalde do Concello do Grove, José Antonio Cacabelos; a concelleira de Cultura do Concello do Grove, Pilar Galiñanes; o coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra, José Luis Romero; o director da oficina de ABANCA no Grove, Juan José Rodríguez; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela. A mostra permanecerá na grovense rúa de Castelao ata o 26 deste mes.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación do individuo, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus signos de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, dende as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. Os selfies da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción da identidades persoais e colectivas. Esta mostra invita explorar as diferentes interpretacións que os artistas fixeron (e fan) deste xénero cunha selección de obras galegas pertencentes ás Coleccións de Arte ABANCA e Afundación.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.