A pegada contaminante dun pneumático nunha ría pode durar ata 1.000 anos. A dun aparello mariño de corda, ata 600 anos. O vidro queda para sempre: non se degrada. Canda estes obxectos, pneumáticos, cordas, cabichas, máis de 65.000 pezas de plástico, 40.000 de pequeno tamaño, 4.000 obxectos de vidro, ou 3.000 bastóns hixiénicos de limpar os oídos son algúns dos residuos retirados dos areais e corpos acuáticos das rías galegas polo programa PLANCTON de Afundación. O proxecto conservacionista, desenvolto en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro, comezou hai cinco anos. Tan só en 2024, participaron máis dun milleiro de persoas voluntarias e duascentas embarcacións pesqueiras das rías. Dende 2021 a 2024, o traballo de voluntarias e voluntarios permitiu retirar 95 toneladas de residuos da costa de Galicia. No que vai de ano 2025, PLANCTON organizou dez xornadas de recollida de residuos.
As xornadas de limpeza nas rías, que habitualmente se fan en fin de semana para facilitar o voluntariado, amosan a pegada da actividade humana. Tan só en dúas limpezas de fondos marisqueiros na Illa de Arousa, retiráronse máis de 17 toneladas de residuos, na súa grande maioría pneumáticos. En 5 limpezas realizadas en Bouzas -Vigo-, Sanxenxo e Portonovo, os pneumáticos retirados tamén se contaron por toneladas.
A evolución dos residuos atopados nas rías tamén reflicte, positivamente, os cambios culturais e legais para avanzar en sostibilidade a presenza de pallas entre os residuos atopados reduciuse sensiblemente dende o inicio do programa. En xullo de 2021, entrou en vigor en España a directiva comunitaria que prohibe os plásticos dun só uso.
Plásticos, cordas e aparellos
Unha bolsa de plástico pode tardar máis de 50 anos en completar a súa degradación. Unha botella de auga, máis de 450. A presenza de residuos plásticos nas rías é constante nas xornadas de limpeza organizadas ao abeiro do programa PLANCTON. Dende 2021, as persoas que participan no proxecto retiraron máis de 40.000 mesoplásticos, ou o que é o mesmo, pezas dese material dun diámetro inferior a 2,5 centímetros. E tamén máis 15.000 pezas de tamaño maior, os chamados macroplásticos.
Para evitar que eses residuos cheguen a areais e corpos de auga, o a Obra Social de ABANCA, tamén a través do proxecto PLANCTON, desenvolve actividades de concienciación a través de programas didácticos coma «Goza da praia sen deixar pegada» ou «O mar comeza empeza aquí», deseñados ex professo para o programa.
Entre os residuos que aparecen máis habitualmente nas rías están as cordas ou os aparellos mariños. PLANCTON retirou en catro anos preto de 15.000 cordas, cabos e cabiños e más 5000 aparellos relacionados co cultivo de bivalvos, na súa meirande maioría tarugos plásticos das bateas.
Preservativos, tampóns, dentaduras ou estufas
Teléfonos intelixentes, lentes de buceo, dentaduras, estufa, ou baterías de coche forman parte da relación de residuos retirados das rías polo voluntariado que colabora con Afundación neste proxecto. Algúns son excepcionais, pero si é recorrente a aparición de produtos de hixiene persoal: bastóns para os oídos, tampóns, cepillos de dentes ou incontables toalliñas son retirados de areais e corpos de auga en cada xornada de limpeza.
PLANCTON ten coma obxectivo principal promover unha conciencia sostible en todos os sectores sociais, facendo visible o impacto negativo do lixo mariño nos ecosistemas, á vez que dinamiza a participación activa de múltiples segmentos de poboación nas numerosas iniciativas de voluntariado organizadas para a retirada de residuos. Desde os propios colectivos vinculados co sector marítimo, ata estudantes dos centros académicos de Afundación e da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), ou as persoas maiores socias dos espazos +60 da Obra Social de ABANCA, toman conciencia ao participaren no proxecto, mediante a propia vivencia e a aprendizaxe de campo, das ameazas á biodiversidade. E, moi especialmente, das condutas para contrarrestalas.
O proxecto de Afundación tamén traballa na erradicación de especies botánicas invasoras nas praias. Constitúen unha ameaza cada vez maior. Entre 2021 e 2024, o persoal voluntario de PLANCTON retirou 12 toneladas de este tipo de especies.
Imaxes dalgunhas actividades e residuos recollidos, nesta ligazón